18 decembro de 2013
hora: 20:00
Presentación, proxección e debate “Gentrificación no es un nombre de señora”
organiza: Left Hand Rotation
Xentrificación é un proceso de transformación urbana no que a poboación orixinal dun sector ou barrio deteriorado e con pauperismo é progresivamente desprazada por outra dun maior nivel adquisitivo, como consecuencia de programas de recualificación de espazos urbanos estratéxicos.
O próximo día mércores 18 de decembro a partir das 20h o colectivo Left Hand Rotation [web] presenta o proxecto “Gentrificación no es un nombre de señora” na Casa da Fariña da Coruña (Praza de Azcárraga 6):
Durante os últimos tres anos, Left Hand Rotation impartiu o taller “Gentrificación no es un nombre de señora” en 8 cidades de 5 países. O taller xurde como resposta á análise do papel da cultura nos procesos de xentrificación e en cada unha das cidades realizáronse numerosas intervencións e proxectos de rexistro e documentación xunto aos participantes e veciños dos barrios afectados. Nesta charla/debate proxectaranse algúns dos resultados deses talleres e falarase de posibles estratexias de resistencia, ademais de expor un diálogo cos asistentes sobre posibles procesos de xentrificación na Coruña.
Como consecuencia dos talleres créase a plataforma de colaboración Museo dos Desprazados, construída a partir do rexistro e documentación dos procesos que, como o do a xentrificación, xeran espazos excluíntes, sendo este un arquivo aberto, incompleto, en continuo proceso de desenvolvemento e necesariamente colectivo. www.museodelosdesplazados.com
Sobre Left Hand Rotation
Left Hand Rotation é un colectivo artístico en activo desde 2005 que desenvolve proxectos que articulan intervención, apropiacionismo, rexistro e manipulación de vídeo. O colectivo estrutúrase como entidade impersonal non asociada ao individuo/autor, e aborda cada proxecto baixo a consideración de que a comunidade de recepción non é un espectador, se non parte activa imprescindible na transformación da realidade social. A vontade das comunidades de testemuñar a súa situación posibilita a articulación da acción.
Máis información: www.lefthandrotation.com/gentrificacion